Sunday 28 de April de 2024

Lousame conmemora o 25N cunha concorrida concentración na praza Teodomiro Hidalgo baixo a lenda “#Eu quero que”


Teresa Villaverde presidiu un acto no que tomaron a palabra o alumnado do CPI Cernadas de Castro, membros da Asociación Misela, maiores dos Obradoiros de Memoria e representantes municipais

O Concello de Lousame conmemorou este mediodía o Día Internacional contra a violencia de xénero cunha masiva concentración na praza Teodomiro Hidalgo na que participaron alumnos e alumnas do CPI Cernadas de Castro, integrantes dos Obradoiros da Memoria de Lousame, membros da asociación A Misela, traballadores municipais e representantes dos distintos partidos políticos municipais.

A alcaldesa, Teresa Villaverde, foi a encargada de dar lectura ao manifesto institucional no que asegurou que “dende o Concello de Lousame seguimos acentuando o noso compromiso coa igualdade e contra a violencia de xénero. A violencia exercida contra a muller non é un problema alleo ás nosas vidas, é unha demostración indigna e impropia do ser humano que se reproduce a nivel mundial”.

Neste sentido, asegurou que “estamos a carón das vítimas impulsando accións como a pertenza deste concello á Rede de Entidades Locais que loitan contra a violencia sobre as mulleres e a coordinación con outras institucións e entidades a través da Mesa Local contra a Violencia de Xénero, a primeira que se constituíu na nosa comarca”. Así recordou a importancia de que “a veciñanza mostre o seu apoio ás vítimas da violencia de calquera índole. Non estamos ante un problema do ámbito privado, estamos ante un problema social”.

Campaña “Voces de Lousame contra a violencia de xénero”

Acto seguido, a rapazada do CPI Cernadas de Castro procedeu a dar lectura a algúns escritos e lendas sobre a violencia contra a muller baixo a lenda da campaña “Voces de Lousame contra a violencia de xénero”, organizada polo Concello de Lousame para conmemorar o 25 de novembro e financiada con cargo aos créditos recibidos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e do Ministerio de Igualdade.

Así, a rapazada deu lectura a frases en mostra do seu rexeitamento da violencia sobre as mulleres comezando coa lenda: “Eu quero que…”. O seu relevo foi collido por un grupo de persoas da asociación A Misela, que tamén deron lectura ás súas propostas e por unha representación do alumnado dos Obradoiros de Memoria de Lousame. Pecharon o acto as intervencións das dúas voluntarias europeas, as turcas Emine Kara e Yasemin Tekiner; así como de Arturo Barreiro e Ramón Martínez, en representacións dos empregados municipais e os representantes políticos.